top of page
No hay etiquetas aún.

BUSCA POR TAGS: 

POSTS RECENTES: 

SÉGUENOS:

  • Facebook Clean Grey

SENTIDIÑO COAS TIC

Ola!


Este luns quero compartir con vós a ilustración de Jordi Labanda publicada na revista Magazine o pasado día 7 de febreiro. Este debuxo alerta dunha das consecuencias que ten o mal uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación, en particular, no tocante ás redes sociais.


O post de hoxe quere ser, por tanto, unha homenaxe ao meu deseñador gráfico favorito. Si, é certo. Son fan incondicional de Jordi Labanda. Dende hai moitísimos anos non me perdo as ilustracións que semanalmente publica na revista Magazine, suplemento dominical que acompaña ao xornal Faro de Vigo.


O formato destas ilustracións é sempre o mesmo. Un debuxo seguido dunha soa frase. Así de simple e así de complexo. Pero non podedes nin tan sequera imaxinarvos a gran cantidade de información que este autor achega con cada publicación, a estela de reflexión que cada obra deixa ao seu paso.


O estilo Labanda é inconfundible: rezuma modernidade e modernismo, estilo pop, explosión de cores, estilos de vida moi fashion, xente guapa, lugares chic, gafas de sol inmensas… Pero detrás de toda esa retórica cool hai sempre moitísima ironía, unha profunda crítica social e unha visión do mundo particularmente comprometida.


Pero voltemos á ilustración que quería comentarvos. É unha crítica demoledora aos excesos e á artificialidade coa que as veces os seres humanos utilizamos as redes. Á perda de intimidade. Ao abuso dos “likes”. Ás fotografías que retratan a felicidade máxima e permanente. En definitiva, a obsesión por construir un perfil de nós mesmos que di máis do que desexamos ser que do que realmente somos.


Ás veces perdemos a perspectiva e esquecemos que o que está nas redes é público, deixa pegada.


Dende este foro reivindico a xente imperfecta. As fotos sen filtros. O uso de internet con sentidiño. En internet, démoslle sentido ao sentido do ridículo!!


Feliz luns a tod@s!

bottom of page