Bo día lectores!!
Hoxe gustaríame falar un pouco da importancia que ten a lectura, temática que escollemos para a realización do noso proxecto.
Como ben dixo Kepa Osoro no seu momento, os pais e os mestres non son conscientes, en moitas ocasións, da importancia que ten para os nenos tanto a lectura como o feito de contarlles oralmente contos, nanas, poemas, etc. De feito, o problema é máis grave do que parece xa que, se non lles contamos, non só lles privamos de todas as virtudes da palabra, senón que estamos vulnerando un dos seus dereitos máis sagrados. As consecuencias desta irresponsabilidade dos maiores as pagarán os máis pequenos, quen a causa da nosa falta verán reducidas as súas posibilidades de ter unha infancia enteiramente feliz e un crecemento intelectual e afectivo equilibrado.
Narrar relatos ós nenos é unha estupenda forma de crear complicidade e estreitar vínculos afectivos entre todos. Ademais, debemos ser conscientes da cantidade de beneficios que ten ler contos dende idades temperás como: o hábito lector, que é imprescindible para realizarse persoal e socialmente, a estimulación entre outras moitas cousas da sensibilidade, da fantasía, da memoria e da expresión. A lectura tamén é un aspecto clave no desenvolvemento da linguaxe, ampliando vocabulario, novos modelos expresivos, espertar o intelecto...
Coa lectura os máis novos aprenden a escoitar con atención, a ser pacientes. Foméntase a empatía, transmítense unha numerosa cantidade de valores (amizade, lealdade, humildade, etc.)
Outro aspecto fundamental no que axudan os contos é na intelixencia emocional xa que estes axudan a identificar emocións como o medo, a frustración, a ira, o amor, a envidia, o desexo, etc.
Sen dúbida algunha, para a maioría de nós ese momento do día no que os nosos pais ou avós nos lían un conto é un dos recordos máis apreciados e tenros da nosa infancia. Todo neno desexa atención dos seus pais e pasar tempo con eles, e ese ratiño no que se conta un conto pode axudar a aumentar a confianza entre ambos, o que á larga mellorará a autoestima dos pequenos.
Así que, cantádelle cancións, contádelle ou lédelle contos ou poemas...os vosos fillos ou alumnos disfrutarán e seguro que vos tamén.
Un cordial saúdo e ata a próxima !!!