TIC CONTRA O ACOSO ESCOLAR
- Vanesa
- 25 feb 2016
- 1 Min. de lectura
Boa tarde amig@s:
Hai só uns días publicaba neste blog un post sobre a potencialidade dos videoxogos como instrumentos pedagóxicos e de aplicación nas aulas. Era unha reflexión xeral xurdida a raíz da opinión do catedrático Mariano Fernández Enquita.
Pois ben. Esa idea, en abstracto, hoxe toma unha forma máis concreta, máis real e sobre o terreo. Explícovolo.
Hoxe quero compartir con vós unha nova que publicaba o xornal El País, na súa edición vasca, o 17 de febreiro de 2015. Nela anúnciase a creación do primeiro videoxogo español de loita contra o acoso escolar, dirixido a nenos de entre 6 e 11 anos.
O obxectivo deste proxecto é educar na empatía e o respecto para a prevención de condutas que se producen arredor das situacións de bullying.
Unha vez máis, o reclamo é o xogo. A través das accións lúdicas, o nen@ aprende a tomar decisións sobre situacións que pode atoparse na vida real, aprende a ter patróns de comportamento.
O programa Monité, consta ademais de manuais para proxenitores, vídeos e contos sobre a temática do acoso escolar, e unha páxina web para compartir experiencias. Todo un programa integral de loita contra a violencia nas aulas.
Na miña opinión, a gran virtualidade desta iniciativa é que se utiliza o videoxogo (unha ferramenta moi motivadora e atractiva para a infancia) para combater unha lacra social. En definitiva, a tecnoloxía posta ao servizo da sociedade e dos seus problemas máis relevantes.
Grazas polos vosos comentarios.
