top of page

BUSCA POR TAGS: 

POSTS RECENTES: 

SÉGUENOS:

  • Facebook Clean Grey

ESTREO MUNDIAL DE LECTURÍZATE!

  • 3 mar 2016
  • 3 Min. de lectura

Temos que recoñecer que esta entrada no blog é unha das que máis ilusión nos fai, dende que puxemos en marcha esta aventura tecnolóxica.


Hoxe damos un paso de xigante no noso proxecto. Hoxe vestímonos de gala. Botamos a rodar a alfombra vermella para presentarvos –en estreo mundial– o vídeo promocional da nosa web de animación á lectura.


A nosa produción audiovisual ten un título evocador: “Lecturízate!”


Esta claro que a nivel narrativo o obxectivo era asociar a lectura a sensacións moi positivas. Infundir no espectador a paixón polos relatos, porque a lectura é a porta de entrada a historias fascinantes. E a mellor forma de facelo era, precisamente, contando unha historia. Por iso este vídeo ten o formato dunha curtametraxe cinematográfica, cun raccord narrativo moi marcado e unha estrutura circular. Un neno abre un libro, conta unha historia, e remata pechando o libro.


Ler paga a pena. Os libros teñen vida. Fannos soñar. Atrápanos. A lectura é contaxiosa. Os libros nos trasladan a mundos coñecidos (secuencias do Quixote, de Cenicienta e Peter Pan) e a mundos descoñecidos (de criaturas fantasmagóricas). Eses son os lemas, as mensaxes e ideas forza que están detrás do vídeo Lecturízate.


Precisamente, para alentar aínda máis esa visión cinematográfica, arrancamos a nosa produción coa senlleira cabeceira de cine, a conta atrás regresiva que se inventou no século XIX.


Outra das claves da nosa produción audiovisual é o ritmo, a estrutura rítmica. Desbotamos a utilización de fotografías por seren moi lentas e estáticas e apostamos, pola contra, pola imaxe en movemento. Polo dinamismo, a rapidez, o cambio rápido de planos.


Ademais, e para xerar verdadeiros climas emotivos xogamos co binomio música- imaxe. Se bos fixades soe haber unha asociación moi clara: música relaxante/imaxes máis lentas, música máis acelerada/imaxes máis rápidas. E nalgunha escena especialmente importante existe unha absoluta sincronización entre o son e a imaxe (por exemplo, cando on neno cae sobre encima do libro xigante). Do que se trata é de manter en todo momento unha tensión emocional in crescendo para atrapar a atención do espectad@r.

Finalmente e en relación ao estilo queremos facer unha apreciación. Este vídeo é un produto promocional de animación á lectura, a cabeceira audiovisual da nosa futura web destinada a nenos e nenas de educación primaria. Sen embargo, e como podedes comprobar, o vídeo non ten un estilo marcadamente infantil. Creemos que a interacción coa infancia debe ser de ti a ti. Se algo nos demostran as TIC é que son un código, un idioma universal que entenden case mellor os cativos que os adultos.


Insistimos, a animación á lectura é cousa de todos: da infancia, dos pais e nais, dos profes, da sociedade en xeral. A todos eles está dirixido un vídeo que pretende seguir creando familias lectoras.


En definitiva, con esta produción audiovisual queremos estimular a curiosidade, facer que nenos e nenas se sumen a un mundo –o da lectura– que lles vai permitir desenvolver moitísimas das competencias que esixe o currículo de educación primaria: comunicación lingüística, competencia emocional, aprender a aprender, competencia social e cívica, iniciativa e espírito emprendedor, valoración de expresións culturais. Alguén pode dar máis?


Erroneamente tense dito que as TIC erosionan a cultura. Cun discurso claramente apocalíptico temos escoitado que as novas tecnoloxías son un perigo para a prensa escrita, para a cultura en papel, un rival dos libros. Nós estamos radicalmente en contra desa idea. As TIC son o mellor aliado da cultura, das historias e dos libros. Non importa o formato, o vehículo ao que nos subamos con tal de seguir lendo.


Disfrutade do visionado!


No seguinte post, avanzarémosvos algúns trucos sobre o proceso técnico de creación e edición de Lecturízate. Non volo perdades! Estades avisados...

 
 
 

Comentarios


* 2016 Educatic, creado por estudiantes de magisterio. 

bottom of page