SILENCIO. RODAMOS!
- 3 mar 2016
- 2 Min. de lectura

Boa tarde:
No post anterior explicabámosvos algunhas das claves do vídeo Lecturízate que vimos de presentar. Claves a nivel narrativo, sobre o estilo e a estrutura do nosa produción audiovisual.
Pois ben, no post de hoxe queremos darvos máis información e contarvos en primicia as claves do proceso de edición. Eses trucos que ningún director conta. Estades de sorte...
Lecturízate dura 2 minutos 52 segundos e está realizada, editada e producida nun iphone 6. Si, si, dende un simple teléfono móbil.
No proceso de creación utilizamos dúas aplicacións distintas: Clipper e Imovi. A primeira delas (clipper) é moi intuitiva. Entre as súas virtualidades está a de incorporar interesantes efectos post edición, como o formato ollo de pez que utilizamos nunha das secuencias. Tamén destacamos a facilidade coa que se poden axustar planos, con precisión case milimétrica. Esta última posibilidade permite axilizar moito o proceso de montaxe. Sen embargo, o gran problema de Clipper é que só permite editar secuencias de uns poucos segundos de duración. Podedes identificar claramente cales son as esceas porque teñen unha marca de auga co nome da aplicación.
Imovi foi a aplicación base, na que fomos montando distintos planos e –por suposto- os pequenos vídeos editados previamente en clipper. Esta aplicación é moito máis completa que a anterior. Permite editar vídeos de maior tamaño, incorporar créditos e pistas de voz en off de forma directa. Pero loxicamente é máis complexa de manexar. Ás veces incluso resulta complicado acurtar algúns planos.
Dende logo, unha das máximas desta produción foi a de lograr a máxima calidade, cos medios e recursos dos que dispoñemos (en termos materiais e de tempo). Así, o 90% dos planos son vídeos que atopamos en internet, mentres que o 10% se corresponde con gravacións nosas feitas ad hoc (na maioría dos casos, caídas a negro con sobreimpresión de créditos, para ir articulando narrativamente a historia).
Eramos conscientes de que tiñamos apenas uns días e preferimos centrarnos na creación do relato, na fase de edición, e en maximizar todas as posibilidades de montaxe que ofrecen as novas tecnoloxías dixitais, en vez de optar por gravar en vídeo novo material. En definitiva, o noso proxecto deu máis valor á edición que á produción.
En total utilizamos planos de ata 14 vídeos distintos extraídos de internet (anuncios publicitarios, curtametraxes, debuxos animados etc) . Con eles construímos o noso relato. Editando plano a plano, axustando tempos, transicións, efectos, música... repetindo tomas.
En todo caso, o proceso de busca en internet do material audiovisual foi moi coidadoso e selectivo, non só pola temática
senón tamén a nivel técnico. Así, existe unha gran variedade de planos dende o punto de vista do tiro de cámara: plano cenital, picado, contrapicado, plano medio, plano americano, primeiro plano e ata un travelling de seguimento lateral. Hai secuencias a cor e en branco e negro. Mestura de música e son ambiente. Imaxe real, de ciencia ficción e de debuxos animados. En suma, diversidade de recursos audiovisuais.
Outro dos recursos que empregamos foi a utilización do time-lapse, función que utilizamos gravando co noso propio teléfono (é a secuencia na que aparecen as mans dun debuxante retratando a un neno que esta lendo un libro). Deste xeito xogamos coa cámara rápida e axudamos a dar máis dinamismo ao noso produto final.
En fin, esperamos que estes pequenos truquiños vos teñan sido útiles!
Saudiños!


Comentarios