INTELIXENCIAS MÚLTIPLES: NARABA
- Vanesa
- 2 abr 2016
- 1 Min. de lectura
Ola a todos e a todas!

Sabedes da miña particular afición polos videoxogos como recurso educativo de primeira magnitude. De feito, neste blog contamos xa con varios post especificamente destinados a esta temática.
Hoxe quero falarvos de Naraba, un interesante videoxogo da empresa Micronet que, sen dúbida, pode ser considerado un dos videoxogos educativos ou tamén chamados “xogos serios” máis potentes e con máis traxectoria do mercado.
Naraba propón ás persoas usuarias ser protagonistas dunha divertida e desafiante aventura: crear un avatar e, a partires de aí, ir superando retos. Está dirixido a nenos e nas de entre 6 e 9 anos. É un xogo de rol con formato dos videoxogos de éxito comercial, compatible con PC e con Nintendo DS.
Así, un dos obxectivos de Naraba é contribuír ao desenvolvemento das intelixencias múltiples. De feito, este videoxogo consta de 40 misións ou actividades agrupadas arredor de tres áreas: coñecemento do medio, matemáticas e educación artística.
Unha das misión máis coñecidas é Naraba: O labirinto da Luz, onde o xogador/a terá que percorrer os corredores dun escuro labirinto no que a luz, ademais de iluminar e dar cor aos elementos, terá un protagonismo especial no entramado. Esta misión céntrase nas matemáticas e permite practicar con operacións numéricas ou asimilar conceptos complexos a través do ocio. Ponse a proba a capacidade de orientación no espazo, medición de distancias, decodificación de mapas de situación e recoñecemento de diversas formas xeométricas que lle axudarán a non perderse nas salas e corredores que conforman o escenario de xogo.
En definitiva, unha proposta altamente recomendable.
Espero que esta información vos sexa de utilidade. Ata a próxima!